Home | Novidades | Revistas | Nossos Livros | Links Amigos Entrevista a Manuel Rodríguez Troncoso
Médico, escritor e artista galego
(En homenaxe, no “Día das letras galegas” 2004)
Manuel Rodríguez Troncoso. Escolma enxebre (óleo sobre lenzo de 73 por 33 cm.)
Enric Mallorquí-Ruscalleda
Transatlantic Resarch Group
www.transatlantic.uwo.ca
The University of Western Ontario (Canada)David Mas Serret
Universitat Autònoma de Barcelona (Spain)Con motivo do “Día das letras galegas-2004” -dedicado este ano a Xoaquín Lorenzo Fernández “Xocas” (1907-1989)-, desexo destacar aquí a figura do escritor galego Manuel Rodríguez Troncoso, residente en Catalunya.
Manuel Rodríguez Troncoso é natural de Guntín de Oroso -A Cañiza, Pontevedra. Fillo de campesiño do minifundio galego, dunha familia de nove irmáns, estudiou o Bacharelato no Instituto de Pontevedra (1941-1948) con brillantes calificacións, e Medicina na Universidade de Madrid (1948-54), sendo bolseiro os derradeiros once anos dos seus estudios. Exerceu como Médico Titular do Estado en Peranzanes –León-, Burón –León- e no Prat de Llobregat -Barcelona. En Burón levou a cabo unha campaña sanitaria, continuada, contra o bocio endémico varios anos, administrando iodo ós alumnos das escolas nos sete pobos do concello: No Prat de Llobregat desenvolveu un amplo e importante labor como Xefe local de Sanidade dende 1973 a 1991 en Medicina Preventiva. Estivo sempre vinculado sentimentalmente á súa aldea natal, ó seu entorno e a Galicia, a pesar de ausentarse da terra natal definivamente -agás as vacacións- a partir dos 20 ano de idade. Con orgullo di que foi labrego ata os 12 anos e que leva esa profesión toda a vida na súa alma.
É autor de Relembranzas (1987), Lonxe (1992), libros de poesía; Raíces rurais (1996), novela costumista, editados os tres por Ediciós do Castro, Sada -A Coruña-; La vida flor de las galaxias -Rúbrica Editorial, El Prat, 1999- novela de ciencia ficción; Chama acesa, Noeliña -Ediciós do Castro, 2000-, novela costumista, que -como na primeira- a súa acción desenvólvese no medio rural galego e no Brasil, a partir da década de 1940; e Celme e Vida, libro de aforismos -Rúbrica Editorial, El Prat, 2002-; é ademais colaborador, con outros once poetas, no libro Alén do azul -”unha ducia de poetas galegos en Catalunya”- coordinado e dirixido por Xosé-Lois García -Ediciós do Castro-, 1999. É tamén autor das seguintes obras inéditas acabadas: Contos lerias e rexoubas; Recolleita -80 poesías- e da Historia dunha aldea galega, esta a punto de ser enviada a unha editorial.
Escribe ocasionalmente poesía e artigos de Medicina Preventiva en varias revistas literarias e periódicos; e é autor dun número importante de cadros de pintura ó óleo -actividade que comezou a desenvolver nas derradeiras décadas-, cadros expostos en diversas salas de Barcelona. Algúns deles ilustran o libro Celme e vida. Arredor deste libro e dos pensamentos que se verten nel xira a nosa entrevista.
-Defíname “aforismo.” ¿Que importancia/ poder/ capacidade de ensinar/ influencia lle outorga ós aforismos?
Aforismo é a síntese dun pensamento expresado en poucas palabras. Intenta chegar á mente do lector, como refacho de luz, para empuxala a que cavile sobre o seu contido.
O escritor de aforismos trata de dar a coñecer, descubrir, ou lembrar diversos principios ético-filosóficos, que -a miúdo- están durmidos no subconsciente. Procura que afloren á superficie para que sexan exercidos ou meditados.
¿Cal é a vixencia da tradición oral?
A tradición oral permítenos coñecer e rescatar, aínda hoxe, algúns dos feitos históricos non escritos, que tiveron lugar no tempo dos nosos devanceiros. A ela botei man, eu mesmo, para enriquece-la Historia dunha aldea galega, que acabo de escribir e que espero saia á luz proximamente.
¿Que futuro lle augura á transmisión da sabedoría popular desligada dos intereses académicos?
A sabedoría popular transmitiunos algúns coñecementos que foron aceptados e recollidos pola ciencia, así como algúns principios filosóficos acertados, froito dunha observación milenaria, mais está mesturada a miúdo con afirmacións erróneas e contradictorias, ou con crenzas supersticiosas. Certos refráns opostos poden ser un exemplo desas contradiccións.
En referencia ó aforismo “O que intenta impoñe-lo seu criterio, tratando incluso de cambia-lo teu pensamento, conserva aínda vivo o impulso atávico e despótico do home primitivo”: ¿Como separaría a educación e a docencia da actividade “primitiva” de impoñer un criterio?
A persoa que intenta impoñe-lo pensamento, ademais de posuír un instinto dictatorial ou fundamentalista, carece dos coñecementos máis elementais do funcionamento do cerebro humano. Poderá convencer educando, obrigar a realizar unha acción en contra da súa vontade por temor, etc., pero nunca a ter pensamentos contra a súa vontade. ¡¡O pensamento é libre!!.
Estou convencido de que ensinar adecuadamente desde a nenez evitaría moitos abusos e enfrontamentos. Educar para respectar, para axudar, para ensinar principios éticos fundamentais, para dialogar con serenidade, para cultiva-lo espírito, para amar. Non para impoñer, para mandar nin para obrigar.
¿Como dixire a incompatibilidade entre ciencia e metafísica no seu pensamento e nas súas tarefas artísticas?
No meu pensamento non vexo que haxa incompatibilidade entre os principios científicos, o progreso da ciencia, a esencia dos principios éticos universais e a crenza da existencia dun Ser Supremo creador e infinito. Persoalmente debo dicir que o estudio da anatomía e da fisioloxía humana, e especialmente dos mecanismos íntimos da bioloxía celular, axudáronme a afianza-la idea de que todo se puxo en marcha gracias a Inmensa Sabedoría dun Ser, de sabedoría infinita, ó que chamamos Deus. Nunca comprendín como é posible que haxa científicos agnósticos ou pensadores que expliquen todo coa “explosión primixenia” ou coa “lei da casualidade”. Detrás está un enigma grandioso, o enigma da existencia universal de tódalas cousas, das leis da natureza, da bioloxía complicada e marabillosa dos seres vivos e da nosa mesma existencia.
As tarefas artísticas, o deleite e vocación que se sinte cando se practican, é o resultado da propia creación que fixo que un dos últimos “animais” aparecido hai pouco sobre a face da Terra, teña imaxinación, iniciativas, e capacidade creadora. Motivo que nos incita aínda más a admirar e agradece-la sabedoría do Creador, Sumo, Sabio e Enigmático.
¿Cales son os obxectivos e as inquedanzas que o levan a cultivar varias disciplinas?
A do amor á propia Natureza, da que forma parte tamén o Home, ó desexo de ser feliz (instinto lóxico de tódolos humanos) e á de axudar a ser feliz ós semellantes.
O exercicio da Medicina deume numerosísimas satisfaccións. O médico goza co ben do doente, especialmente se foi el o que lle conseguiu ese ben, cun tratamento adecuado. É probable que este gozo persoal, que eu expresaba cando volvía á miña casa despois dun acto médico, ás veces complicado pero con final feliz, fose o que levou ós meus tres fillos a estudiar Medicina.
En canto á pintura debo dicir que pinto por vocación innata. Pintar para min é plasmar nun lenzo a beleza máxima que me é posible, a beleza que está na propia Natureza, ou expresar vivencias e ideas aparentemente durmidas -en estado latente- no subconsciente. Estas afloran á superficie coa imaxinación e cos recordos.
Escribo para deleitarme e deleitar ós lectores. A poesía fai vibra-lo espírito tanto do que a escribe coma do que a le, a novela e o conto entretén compracendo e ampliando os horizontes da realidade que se toca, facendo o espacio vital máis aberto; o aforismo estimula a meditar e a introducirse no mundo da filosofía; escribir historia asegura que os feitos non se borren co cambio das xeracións. Tódolos que escribimos en galego axudamos -con máis ou menos eficacia- a salva-la na nosa lingua, unha lingua dunha riqueza e beleza extraordinaria.
Manuel Rodríguez Troncoso. Fiel unión (óleo sobre lenzo de 46 por 38 cm.)
Un dos seus referentes principais é Xesucristo ...
A doutrina de Xesús é doutrina de AMOR, de “amor a Deus Padre creador e de amor ó próximo”. Tamén é a doutrina da xustiza e da equidade “O que non queiras para ti non o debes querer para os demais”, un antídoto do egoísmo, da lei do funil que tristemente está moi desenvolvida, debido á falta dunha formación ético- relixiosa dende a infancia. Apartarse desas premisas é esvarar por unha costa ou pendente chea de riscos, accidentes e frustracións, que xa desgraciadamente se están percibindo na actualidade. Respecto e admiro ás demais doutrinas que predican o ben dentro dos principios éticos universais, e ós que aínda sen ser cristiáns ou sendo agnósticos senten o nobre afán de axudar ós máis necesitados. Persoalmente, sinto un gran degoxo e necesidade de agradecer a Deus a creación do mundo e a nosa existencia.
¿Qué opina da progresiva secularización da sociedade?
É sen dúbida unha realidade a progresiva secularización de parte da sociedade, especialmente entre os menores de 50 anos. Unha corrente de cambio, de crise relixiosa, somerxida nunha metamorfose de “desacralización”. Nesta corrente están os que prescinden das institucións, da xerarquía e dos actos relixiosos. Séntense cristiáns seguramente, bos cidadáns, axudan ó próximo con amor de maneiras moi diversas, e probablemente rezan a Deus desde a casa, desde o campo ou desde a montaña, pero non acoden ó templo. Son os que no noso medio xúlganse así mesmo de católicos non practicantes. Practican unha relixión subxectiva e individual de liberdade. Non escoitan as homilías dominicais. Ten o risco de que perdan o hábito da oración.
Noutro lado están os que se cualifican de agnósticos e ateos, que non cren nun Ser Creador nin nos principios transcendentais e enigmáticos da nosa existencia. Axudan -algúns- ós demais de acordo cos sentimentos da fraternidade humana , etc., e son seguramente, moitos, tan boas persoas coma os que practican a relixión. Respecto a súa liberdade. Cada persoa debe cre-lo que cre, non o que os demais queiran que crea.
Penso, en todo caso, que a secularización é prexudicial para a Sociedade e para o individuo. Moitos están inmersos nesta corrente como reacción de protesta á rixidez relixiosa de antano ou os comportamentos autoritarios das institucións de certos tempos. Hai que dicir que as xerarquías eclesiásticas non sempre interpretaron a Doutrina de Xesús de acordo cos principios de perdón, caridade, respecto e xustiza que Cristo predicou (son tristes exemplos as Cruzadas, a “Santa” Inquisición, a separación das igrexas cristiás, o apoio a algunhas dictaduras, etc., e, actualmente, a anulación de matrimonios de persoas famosas influentes, contradicíndose coa súa propia doutrina). Aínda así entendo que a Igrexa foi e é fundamental para dar a coñece-la Doutrina de Xesús, que é -como dixemos- doutrina Divina e doutrina de Amor.
¿Cre que sería posible avanzar cara a unha secularización do Cristianismo?
Anque se está producindo unha diminución drástica de católicos que acoden ós templos e do número de vocacións sacerdotais, coido que a secularización do Cristianismo só é probable que ocorra nalgunhas áreas xeográficas pouco habitadas por falta de cregos, mais non en zonas moi habitadas. A estas acudirían -se non houbesen suficientes- sacerdotes e misioneiros de Hispano América, onde o Cristianismo está en expansión, segundo teño entendido; ou se ordenarían mulleres sacerdotes, que están máis predispostas en xeral ó culto e son máis devotas como se pode apreciar nos distintos actos relixiosos, e incluso homes casados cunha formación e fe cristiá profunda. As mulleres son -ó meu ver- unha canteira de relixiosidade estable, para o futuro próximo. En calquera actividade necesítase a dirección de persoas máis aptas e un orden xerárquico. En todo caso ¿qué ocorrerá dentro de 30 ou 40 anos? Non me é doado contestar a esta pregunta.
A secularización xeneralizada, agravaría a decadencia relixiosa actual, expandiríanse as correntes materialistas, ó hedonismo, o agnosticismo , etc., e deixaríase campo libre ás sectas relixiosas existentes e a superstición. Mais previsiblemente -pois non debemos de caer na desesperanza-, tras esta hipotética fase de esmorecemento que duraría un tempo, xurdiría unha onda de esplendor e solidariedade, en consonancia coa intelixencia colectiva e os sentimentos de toda a humanidade.
O libro Celme e vida vai dirixido especialmente a persoas novas. ¿Cómo o definiría dunha forma global?
Este libro reflexa parte do meu pensamento, que como é natural coincide nalgunhas materias co que pensa moita xente. Está dedicado ás persoas en formación, ós nenos en xeral e ós adolescentes. Trata de formar, incentivar e ensinar, usando a constancia, a honorabilidade, a intelixencia emocional e a imaxinación.
¿Qué valor lle dá á imaxinación?
A imaxinación é unha das facultades importantes da mente humana, coa que se consegue amplia-los horizontes do mundo propio. Fai que sexa máis folgado, máis apetecible e máis fermoso, se o que a ten se dedica á literatura, á música, á pintura ou a calquera outra tarefa artística ou contemplativa. Co seu uso descóbrense moitos valores que pasarían desapercibidos, especialmente se se mestura cos sentimentos. A beleza dunha paisaxe, a grandeza dunha escena literaria ben articulada ou dunha melodía, a fermosura espiritual e física dunha moza cando se mira con sentimentos platónico-místicos, alcanzan os valores máis elevados se a imaxinación se expande e afonda.
¿Qué valoración fai da fractura actual entre as distintas rexións do estado español?
Desexaría que tódolos españois amaramos a España, e que ó mesmo tempo amaramos á cada unha das nosas comunidades. Persoalmente son galego de corpo e de alma, escribo en galego tódolos días, tratando de poñe-lo meu granciño de area en ben da cultura galega, e son español. Amo a Galicia e amo a España. Pero respecto tódolos pensamento e tódolos sentimentos. Cada un ten dereito a senti-lo que sente. Ninguén pode amar por decreto. Desexo a fraternidade entre tódolos pobos de España.
¿Cal é o papel de Galicia no Estado Español? ¿Cal é o actual uso, transmisión e prestixio da lingua galega no seu territorio, segundo a súa valoración?
Galicia é unha parte moi importante de España, que coa súa paisaxe verde nos conecta ó Atlántico ó Cantábrico e a Portugal -país irmán-. É o “fin da da terra” -Fisterra-, o punto neurálxico do Camiño de Santiago (que nos uniu e une ó resto de Europa) polo que peregrinaron miles e miles de europeos dende a Idade Media. Ofrécenos enerxía eléctrica de abondo, madeiras diversas, carnes de vacún de excelente calidade, leite, productos riquísimos do mar, xente moi traballadora e responsable, e unha lingua que é xoia da nosa cultura española. Ademais foi e é berce de grandes escritores en galego e castelán de prestixio mundial.
A lingua galega culta está en pleno auxe literario. Ás editoriais Galaxia (1950) e Ediciós do Castro (1963), que publicaban e publican en lingua galega dende mediados do século pasado, sumáronse Xerais (1979), Sotelo Blanco (1981), Ir Indo (1985), A Nosa terra (1987) e Edicións do Cumio (1989). O número de libros editados triplicouse neste Terceiro Rexurdimento intelectual en relación co ciclo anterior. En 1975 saíron do prelo só arredor de trinta libros novos, pero en 1998 mil -é un exemplo do incremento.
Aínda así, a pesar do número de libros publicados cada ano ultimamente e da notable medra de escritores en lingua galega, debemos dicir que soamente o 35 % da poboación se atopa alfabetizado no noso idioma. O 65 % restante leno con dificultade. Temos que engadir que o falan arreo os habitantes do rural, pero non moitos de vilas e cidades, debido a que non llo ensinaron de nenos. Había a crenza de que o castelán era lingua propia de persoas cultas e o galego de persoas menos cultas. Esta convicción aínda segue lamentablemente como secuela en varios sectores da nosa sociedade. Témo-la esperanza de que as movas xeracións, que estudian galego desde a nenez, o usen a diario con toda naturalidade. A triste “longa noite de pedra”, que durou varios séculos xa a deixamos atrás. Camiñamos agora por un novo día alumeado cunha luz de ilusións e de esperanzas.
El Prat de Llobregat (Barcelona, España), 24-IV-2004
London (Ontario, Canada), 29-IV-2004